O deseño do proxecto tiña que reflectir claramente a localidade da Coruña.

A imaxe corporativa divídese en dúas partes:

  • Montaxe fotográfica
  • Título e slogan

MONTAXE FOTOGRÁFICA

Este proxecto está orientado a persoas da localidade da Coruña. Para a montaxe fotográfica a diferenza de edicións anteriores que usamos a Torre de Hércules como monumento histórico e emblemático para representar a cidade, este ano baseámonos no Paseo Marítimo da Coruña, que cos seus 13 quilómetros está clasificado como o paseo marítimo urbano máis longo de Europa.

A xanela é símbolo de apertura, unha mirada á esperanza e ao futuro. Identifícase coa felicidade, xa que a través dela sempre entra ou sae enerxía. Neste deseño adquire un gran valor, xa que con ela queremos representar un cambio positivo nas persoas participantes, orientándoas e formándoas para que deixen atrás os conflitos e problemas que poidan ter, e sigan evolucionando para poderse enfrontar a un mundo laboral afectado pola crise derivada do covid-19.

Precisamente, debido a esta pandemia, non é posible realizar a formación presencial. De aí, a presenza no deseño dunha moza na súa casa accedendo desde o portátil á Aula Virtual da CEC.

Moitas persoas aínda non saben que camiño seguir, xa que unha das consecuencias máis devastadoras que trouxo esta pandemia foi a diminución da actividade da maioría das empresas, pero hai que ser positivos/as. O mercado laboral está en constante evolución e as grandes empresas xa empezan a demandar persoas con competencias extraordinariamente humanas. Resulta necesario un esforzo para trocar os coñecementos en habilidades organizativas, motivacionais, traballo en equipo… xa que todo volverá á normalidade e hai que estar preparado.

Identidade Corporativa

TÍTULO E SLOGAN

Por que o título “KEY MOMENT”? Porque na actualidade o público novo móvese nun entorno global a través de Internet e as redes sociais, onde o idioma inglés é un referente e soe ser empregado habitualmente nestes entornos, así que utilizar a súa linguaxe é unha forma de conectar con eles, chamar a súa atención e aumentar o impacto da campaña. O significado é “Momento clave”, xa que con estas idades están nunha situación crucial para decidir cal vai ser o seu camiño profesional.

Porén, tamén quixemos darlle importancia a nosa lingua có slogan “A chave do teu futuro” en galego para non esquecer a ligazón coa nosa terra e expresar que con este proxecto darémoslles un impulso para construir unha marca persoal sólida, onde mostrar os seus puntos máis fortes e que poidan optar a todo un abanico de posibilidades laborais.

TÍTULO E SLOGAN